Friday 10 de May de 2024

Moeche normaliza a asistencia domiciliaria e ofrécelle atención a varias persoas usuarias do Centro de Día


O Concello contrata a realización de test de coronavirus para as traballadoras do SAF e os operarios de Servizos
A actual crise sanitaria obrigou ao Concello de Moeche a reconfigurar en dous sentidos a asistencia que se presta a través do SAF. Dunha banda adoptáronse estrictos protocolos de prevención para garantir a saúde das traballadoras e persoas usuarias e, doutra, foi necesario adaptarse a unha situación sobrevida que incrementou o número de casos que requirían axuda domiciliaria. Nun primeiro momento reducíronse as horas de libre concorrencia para enfocar o servizo principalmente a dependentes. Porén, desde hai uns días, o Servizo de Axuda no Fogar volve atender ambas situacións e, ademais, tamén lles ofreceu esta prestación a sete persoas que asistían ao Centro de Día de San Sadurniño, pechado desde o pasado 16 de marzo.

Á reestruturación do servizo axudou en parte a baixa temporal solicitada por dúas familias que agora, e debido á obriga do confinamento, poden atender directamente ás persoas dependentes coas que conviven.

Trátase diso, dunha interrupción temporal, de maneira que eses casos non perden o dereito ao servizo, senón que se lles reanudará tan pronto como o soliciten de novo, previsiblemente cando se levanten ou alivien as restricións laborais e á mobilidade decretadas dentro do Estado de Alarma e as prórrogas que aínda poida haber.

Por outra banda, desde este luns volvéronse prestar as horas de libre concorrencia, de xeito que arestora o Concello de Moeche ten 30 persoas beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar, 17 delas acollidas á libre concorrencia -unha parte agardando pola declaración de dependencia- e 13 dependentes.

A maiores, o Concello ofreceulles ás sete usuarias do Centro de Día a posibilidade de seren atendidas polo servizo municipal mentres o centro de titulariedade autonómica permaneza pechado. Desde a área de Benestar Social informan a este respecto que foron catro as familias que optaron por atender directamente aos seus maiores e que as outras tres están valorando nestes momentos o ofrecemento municipal.

272 horas mentres dure a alerta sanitaria
A Consellaría de Política Social fixo unha asignación extraordinaria de horas asistenciais para financiar os casos urxentes que requiran atención domiciliaria nas actuais circunstancias. No caso de Moeche a achega alcanza para 272 horas de prestación, aínda que estas están condicionadas a que se trate de situacións detectadas no período comprendido entre o 14 de marzo e a data en que finalicen a situación de Emerxencia Sanitaria en Galicia e o Estado de Alarma no conxunto de España.

Por outra banda, este martes tamén se publicou a relación de subvencións do Programa de Financiamento dos Servizos Comunitarios Municipais en 2020 que concede a Deputación da Coruña. Moeche percibirá unha achega de 31.968 € que se destinarán integramente ao financiamento de 2.664 horas de libre concorrencia do Servizo de Axuda no Fogar.

Probas da COVID-19 para SAF e traballadores de Servizos
O Servizo de Axuda no Fogar está sendo fundamental na atención veciñal durante a actual situación. E é que ademais de atender nos fogares, as catro traballadoras do departamento tamén se implicaron no plan municipal para axudarlles ás persoas que vivan soas ou que non poidan desprazarse para a merca de artigos de primeira necesidade.

Nese programa tamén se integraron os dous operarios municipais, que compatibilizan ese labor co de desinfección do mobiliario urbano e dos lugares máis concorridos, a recollida do lixo e outros pequenos traballos de mantemento no territorio.

O SAF e Obras de Servizos son os colectivos máis expostos a posibles contaxios. O Concello ten xa contratada a realización de test para este persoal e neste momento estase á espera de que a Xunta autorice as probas, despois de que o Estado decretase antonte a obriga de que todos os medios e equipamentos de análise privados se poñan a disposición das comunidades autónomas.